A Agrupación Folclórica Ximiela naceu en 1988 no seo da ANPA do Colexio Público de Louro. Creouse coa intención de resucitar entre os mozos e mozas da parroquia o interese polo baile e música tradicionais, esquecidos pola maioría dos maiores e descoñecidos pola xente nova. No 2002, por motivos estatutarios, a agrupación independízase da devandita ANPA. Na actualidade a asociación está formada por arredor de 60 persoas de todas as idades, divididos en varios grupos de baile, pandereteiras e gaita.
Ximiela realiza actuacións de todo tipo (televisivas, festivais folclóricos, intercambios culturais, festas,…), pero un dos fitos que máis marca os seus compoñentes foi a gravación do disco que leva o seu mesmo nome. Pero será no 2007, cando Ximiela obteña máis repercusión ca publicación do libro A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros que co-edita ca Deputación de A Coruña e escribe o historiador Clodio González. Esta incursión no mundo da investigación, fai que a agrupación realice unha serie de exposicións do traxe galego por toda Galicia e incluso nalgunhas cidades da península.
Neste 2013 Ximiela cumpre 25 anos de andaina no mundo do folclore esperando seguir moitos anos máis recuperando e coidando as nosas tradicións.