A razón do noso nome

O 24 de xuño de 1908, día de San Xoán, o afundimento dun vapor-correo chamado Larache alarmaba a parroquia de Louro embarrancando no baixío de Ximiela. A xente de Louro e veciños da vila de Muros socorreron a tripulantes e pasaxeiros da embarcación sen sorprenderse da traxedia que por desgraza non era a primeira vez. O mar quixo levar con el 91 vidas que viaxaban nese correo-mixto que tiña como ruta Vigo – A Coruña. Os 60 náufragos foron enviados ó seu destino; recibindo así máis tarde un telegrama da compañía transatlántica o agradecemento polos auxilios prestados ós fillos nobres de Muros.

Por este lugar situado no océano Atlántico fronte a Montelouro en lembranza do labor humanitario, os compoñentes da agrupación acordaron que levase o seu nome: “XIMIELA”.

Advertisement

Ximiela na blogosfera

Non sabemos se aquelas nais que formaban a ANPA do Colexio de Louro estarían a pensar canto duraría aquel proxecto, ou se se conseguirían todos aqueles obxectivos que se puxeron diante. Pero o que naceu no 1988 marcou a vida de moita xente.

Ximiela non se creaba para ser un grupo folclórico internacional nin fastoso, senón para unha meta máis común pero non menos importante: recuperar as nosas tradicións, as nosas raíces o noso folclore. Foi todo pasiño a pasiño, sen pretensión ningunha e deste xeito comezaron a xurdir pequenas oportunidades: as primeiras actuacións, os viaxes fóra de Galicia, os novos traxes, as aparicións televisivas, a gravación do disco, a publicación do libro A indumentaria tradicional galega: O traxe de Muros, as exposicións dos nosos traxes, e agora o noso 25 aniversario.

Este blog persegue o mesmo fin que a parte física de Ximiela, promover a nosa cultura e a nosa terra. Sede benvidos ao noso rechuncho na blogosfera.