Ximiela é un grupo que foi evolucionando co paso dos anos e canda el os seus traxes. Isto non sería posible sen as súas costureiras. Os traxes de Ximiela sempre estiveron moi ben valorados na comarca, en especial o traxe de Muros. Tanto é así que ata se fixo un libro da Indumentaria tradicional galega así como centos de exposicións dos traxes por toda Galicia e incluso fóra dela como en Madrid, Bilbao ou Portugal. Falando con Manola, unha das costureiras de Ximiela, preguntámoslle cal era a maior satisfacción para unha costureira que fai o seu traballo totalmente gratuíto. Manola sen dubidalo nin un intre dixo:
– “verllos ás rapazas postos nun escenario; ao velas bailar, esquéceseche todo o traballo que che levou bordar cada vestido”.
Falas de bordar, ti es a que bordas ou facedes todas un pouco de todo?
– “Facer facemos todas un pouco de todo, dende pasar un ilbán ata facer unha camisa, pero a miña “especialidade” é o bordado”.
Pero que é o que bordas exactamente?
– “ Eu empecei coa pasamanería. Hai que recoñecer que é un “traballo de chinos” ( di entre risas) pero é cuestión de práctica como todo, é os traxes cargados de “boliñas” quedan espectaculares, locen moito nos escenarios.
Despois da pasamanería, animeime a probar coas bainicas, isto si que me parecía difícil, pero o final déuseme moi ben. Fago bainicas para camisas, mandís ou o que se me poña por diante” cóntanos Manola entre risas.
Todo o teu traballo é manual entón?
– “Si, eu nin sequera sei usar a máquina! Deso encárgase Manela e Divina que elas si que saben!”
Porque formas parte das costureiras de Ximiela?
– “Porque unha das miñas fillas baila, canta e toca dende nena e sempre quixen axudar no grupo no que puiden, e bueno agora bailo eu tamén así que non penso deixalo!”
Pero realmente vale a pena tanto esforzo?
– “ Por suposto, faríao unha e mil veces máis! Encántame o folclore galego, encántanme os bailes e os cantos e penso que todo isto sempre ten que ir acompañado dunha vestimenta axeitada. Ademais as rapazas sempre nolo agradecen con moito cariño e isto aínda nos anima máis a seguir adiante”