Entrevista a Gutier Álvarez

Gutier Álvarez

Gutier Álvarez

Nesta nova actualización do blog de Ximiela traémosvos unha entrevista a  fantástico músico e mestre, Gutier Álvarez. El daranos algunha pista sobre instrumentos que non solemos ver a miúdo. Así que lede atentamente e despois disfrutade da súa  música.

Ximiela – ¿Que foi o que te levou a somerxerte no mundo da música?

Guiter Álvarez – Eu nacín e vivín a miña infancia en Trives (Ourense). Alí existían clases de gaita e de baile que figuraban como actividades complementarias no colexio. Cando ías en terceiro de primaria podías elexir entre unha das dúas cousas. Eu elexín gaita e alí comezou todo. Por iso agora, xa mais de vinte anos despois bailo tan mal!

X – ¿Estás metido nalgún proxecto musical ou grupo actualmente? ¿Dedícaste á música profesional principalmente ou tes algunha outra ocupación que compaxinas?

G.A. – Sí adícome á música profesionalmente e reivindico o xeito en que o fago xa que moita xente pensa que ser mestre de música en primaria non é ser un profesional da música.

Compartir experiencias musicais cos cativos é crecer musicalmente día a día xunto a eles. Ás veces penso que me dan mais eles a min que eu a eles. Estar rodeado de cativos todos os días expostos a procesos creativos e artísticos é unha experiencia abraiante.

Pero por outra banda, parello ao meu traballo como mestre do ensino público si que me adico aos proxectos que me permite o meu tempo libre. Actualmente e dende fai uns anos toco coa banda Pablo Seoane Grupo, o dúo Comisa Bal e agora entro a formar parte tamén do proxecto “Brasilego” do músico Sergio Tannus.

X – ¿Podes ti só con todo ou ás veces desexarías multiplicarte para estar en todos os sitios?

G.A. – Jeje! Creo que é obvio, pero anque dixera que desexo multiplicarme, sería unha mentira piadosa. Mellor non o querer! A verdade é que eu non sei se sabería levar as cousas con pausa, tranquilidade e sen ir a mil por hora. Posiblemente se me multiplicase por dous, eses dous tentarían facer o doble do que poden e polo tanto acabarían igual de agobiados igualmente. Sería inevitable.

X – Teño entendido que das clase de violín na Central Folque, ¿gústache? ¿Como se desenvolve e organiza ese centro?

G.A. – Dou,  a  Central Folque é parte importante da miña vida. Durante moitos anos fun alumno de zanfona aínda cando estabamos en Lalín e nunca deixei de estar relacionado con ela, agora como mestre de violino. Para min trátase de aportar o meu pequeno grao de area ao coñecemento e difusión da música popular a través deste instrumento xa tan esquecido dentro da nosa tradición pero tan universal. Me resulta un reto apaixoante e que pode dar grandes satisfacións.

A Central non solo é un centro de formación tipo academia de música. Por suposto nós impartimos a docencia de instrumentos propios da tradición galega e traballamos sobre estos repertorios, pero parello a todo isto hai un tecido  moito mais grande que acaba desembocando nunha estructura cultural global. Existe tamén unha liña de documentación e estudios historiográficos que xenera proxectos interdisciplinares a partires das súas pesquisas. Logo existe unha liña de promoción de eventos culturais encargada de crear , deseñar e producir proxectos musicais ou das artes escénicas involucrando aos artistas e bandas asociadas e da Central. Finalmente existe tamén unha liña editorial de publicación de material bibliográfico e discográfico co selo da Central. Non me quero esquecer tampouco da Aula Infantil Folque que temos en Pontevedra.

Comisa bal dúo o no que Gutier Álvarez é un dos compoñentes.

Comisa bal dúo o no que Gutier Álvarez é un dos compoñentes.

X – ¿Cales son os teus instrumentos musicais predilectos? ¿Considéraste un “coleccionista”?

G.A. – Coleccionismo soame a ter instrumentos por telos, alí parados, só para miralos. O que si que non teño reparo é en dicir que son bastante “friky”. Gústame experimentar e adquirir novos instrumentos que me chaman a atención pola súa orixinalidade ou polo pouco comúns que son.

Non podo elexir de entre todos os instrumentos que teño. Lóxicamente morro pola miña zanfona e gardo unha relación moi íntima co meu violín e a súa personalidade e xeito en que soa. Jeje! E a  veces sinto celos do meu violín trompeta xa que creo que acapara toda a atención e me quita protagonismo a min como músico.

X – Sabemos que te interesa a recuperación de instrumentos, ¿que te traes entre mans nestes intres?

G.A. – O meu problema é non ter boa destreza ou coñecementos para a luthería. Nese senso sempre admirei a quen sí se desenvolve e dalgunha maneira sempre me aprobeitei un pouco da vontade de amigos aos que admiro moito para levar a cabo algunha das miñas “idas de olla”.Vamos, ¡que son un pesado! Agora mesmo teño secuestrado a  Pablo para axudarme a facer un Ravan Hatta, que é unha especie de rabel orixinario da India.

X – Centrémonos no que entendemos que é a túa predilección, a zanfona, ¿como chegou ás túas mans? ¿Como comezastes a interesarte por este instrumento?

G.A. – Recordo sendo moi pequechiño e comentarlle á miña mai que quería tocar unha zanfona porque escoitara unha en non sei que cinta de casete. Dende aquela imaxe premonitoria ata que chego á Central Folque en Lalín e decido meterme en clases de zanfona con Oscar Fernández pasaron anos. Pero como todo, ao final foi froito de varias casualidades e coincidencias que te levan a estar no sitio correcto no momento correcto, agora que penso niso.

X – ¿Poderías contarnos algo sobre ela?

G.A. – Ésta é a miña segunda zanfona. É un instrumento elaborado polo luthier austríaco Wolfgang Weichselbaumer. Se trata dun instrumento cun son potente, moi noble e cunha boa resposta dinámica gracias a que foi construído introducindo técnicas lutheria propias de violíns e guitarras. Por outra banda conta con 20 cordas diferentes que me permiten facer dende unha melodía sinxela ata acompañamentos rítmicos, polifonías, efectos e reberberacións, baixos, etc. Tamén conta cun previo integrado que che soluciona a amplificación e sonorización nun directo con garantías.

X – Para rematar, ¿como te definirías a ti mesmo en canto ao campo musical?

G.A. – Uff! Esta é difícil. A ver, inicialmente é evidente que son un músico de tradición xa que a miña formación e intereses sempre viñeron da man dela. Pero afrontoa dende a visión dun rapaz que vive, pensa e se expresa na sociedade de hoxe e non de hai un século. Lóxicamente cada persoa ten a súa proposta ou proxecto vital co que quere ser identificado. A min gústame verme como alguén que se reinventa a si mesmo de seguido, que non ten prexuízos musicais, inquedo, que traballa pola música e por expresarse dende a humildade, vital e enérxico. Non sei se despois o logro… pero así me gusta verme.


Podes acceder ao blog de Gutier Álvarez aquí.

O festival Intercéltico de Lorient

O próximo 2 de agosto dará comezo o maior encontro universal da cultura celta, o Festival Intercéltico de Lorient. Unha cita onde participan, ó longo de 10 días, 4500 artistas das denominadas nacións celtas que son 8: Bretaña, Escocia, Irlanda, Gales, Cornualles, Illa de Man, Galicia e Asturias. Nos últimos anos foi abrindo as portas aos países da emigración dos pobos celtas, incluíndo a Sudamérica, Acadio(Canadá Atlántica), Australia e Nova Zelandia.

O Festival Intercéltico de Lorient, que celebra neste 2013 a súa 43ª edición, nesta ocasión ten coma país invitado de honra a Asturias (cada ano un dos países organizadores recibe este honor), ten unha media de 600.000 visitantes que poden atopar todo tipo de actuacións, desfiles e espectáculos de moi diversa índole. É o maior escaparate mundial para calquera artista de música celta, onde se celebran os máis prestixiosos concursos, coma por exemplo o “Trofeo Maccrimmon”, antigamente denominado “Trofeo Macallan”. Por este pasaron os máis grandes intérpretes de gaita do mundo como Carlos Núñez, Hevia, Tejedor, Edelmiro Fernández, Patrick Molard, Gordon Duncan, Fred Morrison e Robert Watt.

Unha da noites máxicas do festival.

Unha da noites máxicas do festival.

Cursos, exhibicións, as famosas “Masterclass”de tódolos días ás 10 da mañá no “Palace de Congress” tanto de gaita coma de violín e outros instrumentos “célticos”; clases de baile nas que podes aprender a bailar os distintos ritmos que compoñen a música celta; as increibles “Fest-not” celebradas na “Salle Carnot” onde cada noite se pode bailar ó son das bombardas e dos biniu. Pero se hai uns espectáculos que marcan o festival, eses son as “Nuit Magique”, que cada noite no Stade de Moustoir reúne a 20.000 espectadores para ver as bandas, grupos de baile, grupos corais de tódalas nacións, rematando cunha montaxe pirotécnica-musical que deixa coa carne de galiña a calquera afeccionado a cultura celta.

O próximo 11 de abril publicarase a programación do Festival Intercéltico de Lorient 2013, Ano de Asturias, un grandísimo traballo por parte da organización e que seguro volverá a levantar dos seus asentos ó público celta de todo o mundo.