O traballo entre costuras de Ximiela

Costureiras de Ximiela

Ximiela é un grupo que foi evolucionando co paso dos anos e canda el os seus traxes. Isto non sería posible sen as súas costureiras. Os traxes de Ximiela sempre estiveron moi ben valorados na comarca, en especial o traxe de Muros. Tanto é así que ata se fixo un libro da Indumentaria tradicional galega así como centos de exposicións dos traxes por toda Galicia e incluso fóra dela como en Madrid, Bilbao ou Portugal. Falando con Manola, unha das costureiras de Ximiela, preguntámoslle cal era a maior satisfacción para unha costureira que fai o seu traballo totalmente gratuíto. Manola sen dubidalo nin un intre dixo:

–        “verllos ás rapazas postos nun escenario; ao velas bailar, esquéceseche todo o traballo que che levou bordar cada vestido”.

Falas de bordar, ti es a que bordas ou facedes todas un pouco de todo?

–        “Facer facemos todas un pouco de todo, dende pasar un ilbán ata facer unha camisa, pero a miña “especialidade” é o bordado”.

Pero que é o que bordas exactamente?

–        “ Eu empecei coa pasamanería. Hai que recoñecer que é un “traballo de chinos” ( di entre risas) pero é cuestión de práctica como todo, é os traxes cargados de “boliñas” quedan espectaculares, locen moito nos escenarios.

 Despois da pasamanería, animeime a probar coas bainicas, isto si que me parecía difícil, pero o final déuseme moi ben. Fago bainicas para camisas, mandís ou o que se me poña por diante” cóntanos Manola entre risas.

IMG-20130424-WA0002

Todo o teu traballo é manual entón?

–        “Si, eu nin sequera sei usar a máquina! Deso encárgase Manela e Divina que elas si que saben!”

Porque formas parte das costureiras de Ximiela?

–        “Porque unha das miñas fillas baila, canta e toca dende nena e sempre quixen axudar no grupo no que puiden, e bueno agora bailo eu tamén así que non penso deixalo!”

Pero realmente vale a pena tanto esforzo?

–        “ Por suposto, faríao unha e mil veces máis! Encántame o folclore galego, encántanme os bailes e os cantos e penso que todo isto sempre ten que ir acompañado dunha vestimenta axeitada. Ademais as rapazas sempre nolo agradecen con moito cariño e isto aínda nos anima máis a seguir adiante”

camisa

Advertisement

A razón do noso nome

O 24 de xuño de 1908, día de San Xoán, o afundimento dun vapor-correo chamado Larache alarmaba a parroquia de Louro embarrancando no baixío de Ximiela. A xente de Louro e veciños da vila de Muros socorreron a tripulantes e pasaxeiros da embarcación sen sorprenderse da traxedia que por desgraza non era a primeira vez. O mar quixo levar con el 91 vidas que viaxaban nese correo-mixto que tiña como ruta Vigo – A Coruña. Os 60 náufragos foron enviados ó seu destino; recibindo así máis tarde un telegrama da compañía transatlántica o agradecemento polos auxilios prestados ós fillos nobres de Muros.

Por este lugar situado no océano Atlántico fronte a Montelouro en lembranza do labor humanitario, os compoñentes da agrupación acordaron que levase o seu nome: “XIMIELA”.

O traxe de muradana

Mulleres muradanas

Son poucas as comarcas onde se conservan todas as pezas da indumentaria tradicional, pero durante séculos a vila de Muros gardou e conservou a súas tradicións e costumes, entre elas, o seu traxe tradicional. Trátase dunha das poucas comarcas que, aínda a día de hoxe conserva todas e cada unha das pezas do seu traxe tradicional.

O traxe de Muros destaca pola súa beleza, elegancia e sinxeleza. Son numerosas as citas que fan referencia ó predominio da cor negra, así o pon de manifesto Antonio Fraguas Fraguas no seu libro El traje gallego, Manuel Murguía, Emilia Parda Bazán,…

As pezas máis destacadas son:

Saia de brocado negro.

Mantelo de pano con zócalo de veludo ( ou de brocado), bordado sobre guipur.

Chaqueta de brocado, adornada en algunhas ocasións con guipur bordado.

Mantón de Manila, que se anuda sobre o peito.

Mantilla ou Mantela, que en ocasións tamén está adornada con guipur bordado.

Traxe de muradana

Foto do libro de Ximiela A indumentaria tradicional galega:O traxe de Muros

traxe muradana parte traseira

Foto do libro de Ximiela A indumentaria tradicional galega: O traxe de Muros

 

Se pinchas nas imaxes poderás coñecer os nomes de cada parte de traxe.

Pero sen dúbida, a mellor descrición do traxe de Muros é a que nos deixou Rosalía de Castro:

As de Muros, tan finiñas

que un coidara que se creban,

c´aquelas caras de virxe,

c´aqueles ollos de almendra,

c´aqueles cabelos longos

xuntados en longas trenzas,

c´aqueles cores rousados

cal si a aurora llos puñera,

pois así son de soaves

como a aurora que comeza;

descendentes das airosas

fillas da pagana Grecia,

elas de negro se visten,

delgadiñas e lixeiras,

refaixo e mantelo negro,

zapato e media de seda,

negra chaqueta de raso,

mantilla da mesma peza,

con terciopelo adornado

canto enriba de sí levan;

fillas de reinas parecen,

griegas estatuas semellan

si a un raio de sol poniente

repousadas se contempran;

ricos panos de Manila,

brancos e cor de sireixa,

crúzanse sobre o seu seio

con pudorosa modestia,

e por antre eles relosen,

como brillantes estrelas,

aderesos e collares

de diamantes e de perlas,

pendentes de filigrana

e pechuguiñas de cera.

Ximiela na blogosfera

Non sabemos se aquelas nais que formaban a ANPA do Colexio de Louro estarían a pensar canto duraría aquel proxecto, ou se se conseguirían todos aqueles obxectivos que se puxeron diante. Pero o que naceu no 1988 marcou a vida de moita xente.

Ximiela non se creaba para ser un grupo folclórico internacional nin fastoso, senón para unha meta máis común pero non menos importante: recuperar as nosas tradicións, as nosas raíces o noso folclore. Foi todo pasiño a pasiño, sen pretensión ningunha e deste xeito comezaron a xurdir pequenas oportunidades: as primeiras actuacións, os viaxes fóra de Galicia, os novos traxes, as aparicións televisivas, a gravación do disco, a publicación do libro A indumentaria tradicional galega: O traxe de Muros, as exposicións dos nosos traxes, e agora o noso 25 aniversario.

Este blog persegue o mesmo fin que a parte física de Ximiela, promover a nosa cultura e a nosa terra. Sede benvidos ao noso rechuncho na blogosfera.