O próximo 2 de agosto dará comezo o maior encontro universal da cultura celta, o Festival Intercéltico de Lorient. Unha cita onde participan, ó longo de 10 días, 4500 artistas das denominadas nacións celtas que son 8: Bretaña, Escocia, Irlanda, Gales, Cornualles, Illa de Man, Galicia e Asturias. Nos últimos anos foi abrindo as portas aos países da emigración dos pobos celtas, incluíndo a Sudamérica, Acadio(Canadá Atlántica), Australia e Nova Zelandia.
O Festival Intercéltico de Lorient, que celebra neste 2013 a súa 43ª edición, nesta ocasión ten coma país invitado de honra a Asturias (cada ano un dos países organizadores recibe este honor), ten unha media de 600.000 visitantes que poden atopar todo tipo de actuacións, desfiles e espectáculos de moi diversa índole. É o maior escaparate mundial para calquera artista de música celta, onde se celebran os máis prestixiosos concursos, coma por exemplo o “Trofeo Maccrimmon”, antigamente denominado “Trofeo Macallan”. Por este pasaron os máis grandes intérpretes de gaita do mundo como Carlos Núñez, Hevia, Tejedor, Edelmiro Fernández, Patrick Molard, Gordon Duncan, Fred Morrison e Robert Watt.
Cursos, exhibicións, as famosas “Masterclass”de tódolos días ás 10 da mañá no “Palace de Congress” tanto de gaita coma de violín e outros instrumentos “célticos”; clases de baile nas que podes aprender a bailar os distintos ritmos que compoñen a música celta; as increibles “Fest-not” celebradas na “Salle Carnot” onde cada noite se pode bailar ó son das bombardas e dos biniu. Pero se hai uns espectáculos que marcan o festival, eses son as “Nuit Magique”, que cada noite no Stade de Moustoir reúne a 20.000 espectadores para ver as bandas, grupos de baile, grupos corais de tódalas nacións, rematando cunha montaxe pirotécnica-musical que deixa coa carne de galiña a calquera afeccionado a cultura celta.
O próximo 11 de abril publicarase a programación do Festival Intercéltico de Lorient 2013, Ano de Asturias, un grandísimo traballo por parte da organización e que seguro volverá a levantar dos seus asentos ó público celta de todo o mundo.