O traxe de muradana

Mulleres muradanas

Son poucas as comarcas onde se conservan todas as pezas da indumentaria tradicional, pero durante séculos a vila de Muros gardou e conservou a súas tradicións e costumes, entre elas, o seu traxe tradicional. Trátase dunha das poucas comarcas que, aínda a día de hoxe conserva todas e cada unha das pezas do seu traxe tradicional.

O traxe de Muros destaca pola súa beleza, elegancia e sinxeleza. Son numerosas as citas que fan referencia ó predominio da cor negra, así o pon de manifesto Antonio Fraguas Fraguas no seu libro El traje gallego, Manuel Murguía, Emilia Parda Bazán,…

As pezas máis destacadas son:

Saia de brocado negro.

Mantelo de pano con zócalo de veludo ( ou de brocado), bordado sobre guipur.

Chaqueta de brocado, adornada en algunhas ocasións con guipur bordado.

Mantón de Manila, que se anuda sobre o peito.

Mantilla ou Mantela, que en ocasións tamén está adornada con guipur bordado.

Traxe de muradana

Foto do libro de Ximiela A indumentaria tradicional galega:O traxe de Muros

traxe muradana parte traseira

Foto do libro de Ximiela A indumentaria tradicional galega: O traxe de Muros

 

Se pinchas nas imaxes poderás coñecer os nomes de cada parte de traxe.

Pero sen dúbida, a mellor descrición do traxe de Muros é a que nos deixou Rosalía de Castro:

As de Muros, tan finiñas

que un coidara que se creban,

c´aquelas caras de virxe,

c´aqueles ollos de almendra,

c´aqueles cabelos longos

xuntados en longas trenzas,

c´aqueles cores rousados

cal si a aurora llos puñera,

pois así son de soaves

como a aurora que comeza;

descendentes das airosas

fillas da pagana Grecia,

elas de negro se visten,

delgadiñas e lixeiras,

refaixo e mantelo negro,

zapato e media de seda,

negra chaqueta de raso,

mantilla da mesma peza,

con terciopelo adornado

canto enriba de sí levan;

fillas de reinas parecen,

griegas estatuas semellan

si a un raio de sol poniente

repousadas se contempran;

ricos panos de Manila,

brancos e cor de sireixa,

crúzanse sobre o seu seio

con pudorosa modestia,

e por antre eles relosen,

como brillantes estrelas,

aderesos e collares

de diamantes e de perlas,

pendentes de filigrana

e pechuguiñas de cera.